Datos curriculares

César Morán

Catedrático de Lingua e Literatura Galega no I.E.S Agra do Orzán.

Entre 2005 e 2010 foi Profesor Asociado da Universidade da Coruña.

Ten orixes bercianas e mindonienses. Por estas últimas está emparentado con Pascual Veiga, o insigne músico galego, primo irmán do seu bisavó.

Combinou desde moi novo as tarefas musicais e as literarias. Na década dos 70 desenvolveu unha intensa actividade como cantautor, obtendo diversos premios de interpretación e composición.

Membro fundador de Agra, primeiro grupo de jazz-rock con raíces folclóricas, actuando como teclista e compositor até a súa disolución en 1979.

Pola mesma época traballa como músico co grupo de teatro “Troula” no espectáculo O velorio, orixinal de Francisco Taxes e dirixido por Antonio F. Simón, participando en diferentes festivais nacionais e internacionais.

Como autor literario, ten publicado diversos poemas e relatos (volume colectivo Fogo cruzado…), así como obras de estudos filolóxicos (coautor da Nova Gramática para a aprendizaxe da lingua, 1988) e de crítica literaria, colaborando en publicacións periódicas como Luzes de Galiza, Agália, A Nosa Terra, La Voz de Galicia, Diario 16 de Galicia, Unión libre, Monfadal, Casahamlet, etc.

Dedicou especial atención á obra de Álvaro Cunqueiro, a quen realizou a última entrevista pouco antes da súa morte. É tamén autor da primeira tese de licenciatura realizada sobre o autor mindoniense nunha Universidade galega, e entre outros moitos traballos monográficos publica en 1990 o libro O mundo narrativo de Álvaro Cunqueiro.

Combina as súas tarefas docentes, literarias e musicais, colaborando na prensa escrita e mesmo na radio e TV, compondo música para diversos programas.

É autor, con Manuel Rivas, do CD O pobo da noite (1996), un traballo poético-musical que consiste na composición musical e interpretación conxunta de poemas do autor, levado ao directo en numerosas ocasións. Así mesmo colabora na composición e interpretación musical no seu libro A desaparición da neve (2009).

Retoma de maneira decisiva a actividade musical e compón a música do seu CD Río de son e vento (1998), traballo que se completa coa súa antoloxía do mesmo nome, e iniciando unha actividade continuada de comunicación directa co público.

Nos anos 2003 e 2004 traballa co Centro Dramático Galego, primeiro como músico no espectáculo Daquel abrente (que incluía Laudamuco, señor de ningures, de Roberto Vidal Bolaño, e O velorio, de Francisco Taxes) e despois como autor do Estudo crítico na posta en escena de O ano do cometa, de Álvaro Cunqueiro, obra dirixida por Quico Cadaval.

As súas liñas preferentes de investigación están na literatura contemporánea, así como na lingua desde o ponto de vista descritivo e sociolóxico. Ten intervido ao longo dos anos en diferentes congresos internacionais, seminarios didácticos e encontros filológicos como ponente e comunicador.

Desde hai tempo traballa na realización da súa Tese de Doutoramento sobre O teatro de Álvaro Cunqueiro, dirixida por Carlos Paulo Martínez Pereiro.

PUBLICACÍÓNS:

  • “Entrevista con Álvaro Cunqueiro”, in Homenaxe a Álvaro Cunqueiro, Universidade de Santiago, 1982.
  • “Algunhas notas arredor de Don Hamlet, in A Nosa Terra, Extra 2, 1984 (1991 nova edición acrescentada).
  • “Análise literaria dun fragmento do Merlín, in Comentário de textos literarios, Alhena, Madrid, 1986.
  • Nova Gramática para a aprendizaxe da língua, (con X.C. Rábade, A. González Refoxo e X. Costa), Vía Láctea, A Coruña, 1988.
  • “Questionário de História Contemporánea”, Lluís V. Aracil (con J. Mato), in Agália, 17, 1989.
  • O mundo narrativo de Álvaro Cunqueiro, Agal, A Coruña, 1990.
  • “Estudo-análise de As crónicas do sochantre, in Agália, 25, 1991.
  • O porco de pé no tempo de Joyce”in Vicente Risco: arredor de nós, A Nosa Terra, “A Nosa Cultura”, 14, 1993.
  • Criaçom e produçom literária na Galiza” in Estudos Portugueses e Africanos, 2º semestre, 1994.
  • Prefácio da 3ª ed.”de As cantigas de Pero Meogo de Leodegário A. de Azevedo Filho, Laiovento, Santiago de Compostela, 1995.
  • O pobo da noite, CD poético-musical sobre poemas de Manuel Rivas, Xerais, Vigo, 1996.
  • Río de son e vento, CD poético-musical sobre textos de literatura contemporánea, Xerais, Vigo, 1998.
  • Río de son e vento. Unha antoloxía da poesía galega, Xerais, Vigo, 1999.
  • “As viaxes imaxinárias de Álvaro Cunqueiro” [1934-35], in Monfadal, 2, 2000.
  • Antoloxía da lírica medieval [1934-35], Biblioteca 120, La Voz de Galicia, 2001.
  • A teatralidade na obra de Cunqueiro. O ano do cometa (estudo crítico), Xunta de Galicia, Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, Santiago de Compostela, 2004.
  • A desaparición da neve, CD poético-musical sobre poemas de Manuel Rivas, Alfaguara, Madrid, 2009.
  • Álvaro Cunqueiro. Fotobiografía sonora (con Rexina R. Vega), Ouvirmos, Sarria Lugo, 2009.
  • “Un ollar descontínuo ao teatro de Cunqueiro”, in Casahamlet, nº 13, 2011.
  • Haberá primavera. Catorce poemas. Catorce cancións, Libro-disco dedicado a Álvaro Cunqueiro, Galaxia, Vigo, 2011.