SOBRE MIN

A música entrou en min antes mesmo que a literatura. Aos catro anos os veciños escoitábanme cantar polos tellados. Aos cinco tiven un pequeno acordeón verde. Caín enriba del e doeume o labio. Aos sete o meu pai ensinoume a tocar por cifra no primeiro saxofón de plástico. Aos oito aprendín coa harmónica e aos catorce inicieime na guitarra e no piano e comecei a cantar en público. Desde entón fáiseme difícil prescindir da música en calquera cousa da vida, de xeito que sen querer reduzo a ritmos e melodías a expresión do ordinario: unha frase á saída do elevador, o traqueteo dun tren, o cacarexo das pitas ou o paso do cuspe no cinema. Lembro cando neno o pregoeiro señor Vicente, coa súa corneta, anunciando o que viña de peixe, e vexo máis música na súa voz que na corneta.

Tiven unha formación clásica imperfecta e gostaba de adormecer co “Largo” de Haendel, con Mozart e Beethoven, cos Nocturnos de Chopin. Amaba Rafael, Adamo, Gigliola Cinquetti, Françoise Hardy e o Tom Jones de Delilah. Mais un día, nun festival, déronme de premio un disco de Led Zeppelin. Tiña dezasete anos. De seguido entraron en min The Beatles, Cat Stevens, Serrat, toda a illa de Wight, os cantautores franceses e os cataláns. Foi antes de Caetano e o mundo brasileiro, e de Pink Floyd e de Kim Crimson, e de Chick Corea e de todo o jazz.

A fins dos 70 formamos Agra, o primeiro grupo de jazz-rock que houbo neste país, coas raíces folclóricas que nos inspiraban Triana e as bandas de Barcelona. Mais o tempo esvaíu os ecos e a “movida” dos oitenta virou cara a outro lado. Para min, en todo caso, a música foi ligada sempre á literatura, o que enlaza coa miña vida docente.

Síntome pleno na arte interdisciplinar. Ás veces a arte é revolución, e así debe ser. Desde o meu disco Río de son e vento (1998) a este Haberá primavera (2011) hai un camiño: algunhas rosas e moita cousa imperfecta que nos manda actuar. Esta vez é por Cunqueiro.

Preme para ver algúns datos curriculares