DÍA DE ROSALÍA

Foi en Betanzos. Na Aula Municipal de Cultura do Edificio Liceo tiven a honra de participar no recital de poesía e música que, no mesmo día do aniversario de nacemento de Rosalía de Castro (un vinte e catro de febreiro), quer contribuír á celebración dos 150 anos de Cantares Gallegos (1863), ese grandioso poemario que iniciaba o Rexurdimento pleno e daba paso á literatura galega contemporánea.

Coa intensa participación do público asistente, creouse na sala ese clima vivencial e comunicativo que fai posíbel o abalar dos sons nun espazo inventado, de xeito que, ao pouco de se iniciaren, os ecos marchaban na fluencia do río.

Coa ausencia de Lino Braxe, hospitalizado por un infortunado accidente mentres ensaiaba teatro en Narón, e de Eva Veiga, imposibilitada pola súa doenza, aínda que moi ben substituída pola súa irmá Emilia, de fermosa voz e cadencia recitativa, fomos alternando poemas declamados (Olga Patiño, Chisco Fernández Naval, Emilia Veiga) e poemas cantados (a miña música coa compañía de Xosé Taboada).

Soaron por primeira vez as tres novas cancións que compuxen sobre textos rosalianos (Non canta, que chora, Co seu xordo e constante mormorío e Bos amores),

interpretamos Ódiote (a profunda fermosura daquel texto de Follas Novas) e adaptei para a ocasión o sublime Negra sombra.

O mellor de todo é que se há de repetir no mesmo espazo o espectáculo integral, onde poidan participar as voces desta vez ausentes e onde Maribel Longueira poida proxectar con suceso o seu “poema visual”, sen que os contratempos das miudallas tecnolóxicas o dificulten.

Rosalía, máis actual e presente que nunca, segue a nos marcar o camiño.

Esta entrada foi publicada en Cartaces, Concertos, Cultura, Letras galegas, Na prensa, Radio, Recital, Rosalía de Castro, Xosé Taboada. Garda a ligazón permanente.