DEZ ANOS DE LOITA POR UN MAR DE VIDA

Nos primeiros días de decembro os embates do mar deixaran estragadas as praias do noroeste, os riscos augacentos dos cons na espuma branca, xélidos arrepíos de vento que non cesa, anegados de fuel escuro e lamacento. A ameaza cumprida.

Lira. Portocubelo. Mar de Carnota. Cando son dez anos de loita, cando pasou o tempo apenas percebido, e sen que ninguén nos garantise a verdade do Nunca Máis, a confraría de pescadores e os axentes sociais convocaron a xente a non esquecer a memoria, o único que na altura nos resta.

Chegar a Carnota desde o alto das Paxareiras, nos albores da noite, é vislumbrar as luces escintilantes de Fisterra na frente, os escuros curutos do Pindo á man dereita, o inmenso litoral até o confín da esquerda, onde é o lugar en que está montada a carpa. Tres días de actos cívicos: mesas redondas, recitais poéticos, música, lembranza, compromiso, forza e arenga, beleza triste, esperanza sempre.

Alá estivemos (a compaña de Xosé Taboada) coa música e a poesía, compartindo palco con Alexandre Nerium, Anxo Angueira, Rafa Villar, Francisco Souto, Marilar Aleixandre, Marta Dacosta, Miguel Mato, Miro Villar e Rivadulla Corcón, e con Belén Campos e Chisco Fernández Naval exercendo de mestres de cerimonia.

Ao chegarmos aínda tivemos a oportunidade de escoitar a voz enérxica do amigo e admirado César Cambeiro a coordenar a mesa en que facían uso da palabra a actriz Isabel Risco, o poeta Rafa Villar, o escultor Pepe Galán e o músico, escritor e animador cultural Xurxo Souto.

Alí estaba Ánxeles Cuña, a directora de Sarabela Teatro. Estaba o meu amigo Pepe Calvo, instalado en Carnota desde hai catorce anos e agora tamén gaiteiro. Entre todos, lonxe ou perto, cremos estar a construír algo.

Intensidade, forza creativa e vontade transformadora, tamén desta vez cos embates de vento inevitábeis que definen e representan, como no saudoso e evocado Man, a Costa da Morte nos confíns do Noroeste.

A noticia na prensa.

Esta entrada foi publicada en Concertos, Cultura, Na prensa, Nunca Máis, Prestige, Recital, Sen categorizar, Vídeo, Xosé Taboada. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a DEZ ANOS DE LOITA POR UN MAR DE VIDA

  1. AntonioGil di:

    Parabéns pelos esforços!

    Mas, enquanto os galegos mais ou menos conscientes da Galiza (e não de “Galicia”) não se reúnam e colaborem cultural, política e economicamente, este país ou o que ainda resta dele acabará consumido pelo reino bubónico, pestilência mortal.

    Galegos desunidos do mundo, uni-vos!

Os comentarios están pechados.