CON MANUEL FERNÁNDEZ SUCASAS, NO CÍRCULO DAS ARTES

Con San Froilán chega a outonada. Son eses días aínda mornos onde os lugueses se inician nos abrigos contra a noite. O 11 de outubro aínda é San Froilán, co lastre dos días pasados que tolda as empedradas rúas da cidade. E alí estivemos, o Xosé Taboada e máis eu, actuando para o amigo Manuel Fernández Sucasas que inauguraba exposición no Círculo das Artes.

Gostei especialmente das paisaxes creadas co pincel mezzo-grosso, nunha querenza abstracta que non é, e dos mariscadores en silueta debruzada en policromía horizontal. Unha beleza.

No tempo da música fixemos soar Soneto de febreiro, Beixo de mar, Ela-Poema 4 e Estación para integrar as artes, que dicía Seoane.

E xa de remate, zamburiñas en Albariño, o mellor e máis prezado do ofrecemento que nos fixo o pintor, coa súa cuncha aberta e os líquidos dourados.

Na noite soa a banda municipal no quiosque da praza, como foi desde antigo.

 

Esta entrada foi publicada en Concertos, Cultura, Exposición, Fernández Sucasas, Pintura, Recital, Sen categorizar, Xosé Taboada. Garda a ligazón permanente.