Cunqueiro visitou o ÁGORA da Coruña

Foi un dos concertos máis traballados nos días previos, nas semanas previas. Apesar de termos presentado xa o disco no Garufa, e sen contar outras actuacións en formato breve desde entón, este era na realidade o concerto en que se oferecía o Haberá Primavera á cidade da Coruña. Desde aquí quero expresar a miña gratitude a todas as persoas que se achegaron ao Ágora, o novo centro cultural construído na Agra do Orzán que ten unha grande actividade no pouco tempo que leva en funcionamento.

 A uns días de distancia, cando lle dou xeito a estas liñas, sei que todo mundo sabía da Primavera porque se fixera visíbel nas paredes das rúas, nos espellos vidrados dos bares e nos taboleiros dos espazos interiores. Tamén as ondas radiofónicas espallaran a noticia coa miña voz en directo e os harpexios da guitarra. (Escoitar entrevista en A VIVIR CORUÑA, con Mayte González. Radio Coruña, Cadena Ser. 16/06/2012)

Pasan os días e continúo a escoitar parabéns e palabras de recoñecemento, e é porque Cunqueiro chegou, máis unha vez, á Coruña, esta vez polos vieiros da música. Esa luz irisada, de cores imposíbeis, que a cidade tiña e ten na palabra do poeta, estaba a pairar sen dúbida nos ecos do auditorio, na fronteira indecisa que se instala entre o público e a escena que habitamos. Houbo Primavera na Coruña e é o momento de entoar o canto solidario: “compañeiros poetas” que até alá chegaron, obrigadísimo por sempre! “Compañeiros de música” tamén alí presentes, un millón de aplausos! Compañeiros de historias da vida que non cesa e amig@s que estivestes a ouvir a música toda, e aqueloutr@s que non se sabe como, nin de onde nin por que participastes do evento, fico moi obrigado e deséxovos o mellor nos días e nos anos vindeiros.

 

O concerto foi crecendo. Da escuridade e do silencio soou “Deica abril”. Entretanto, a luz, que tanto doe, non me permite ollarvos e canto para as sombras, mais o último acorde dá paso á vosa enérxica vibración, e é entón cando se vos ve ou se vos sente na captación auditiva, apenas por iso. É moito para seguir adiante! Creo que soamos ben. O piano moi real, sen que se notasen as dificultades técnicas da proba. O contrabaixo, profundo e doce cando canta. O vento fabuloso, todo un repertorio do metal. A guitarra acaso no seu sitio, talvez. A voz parece que con corpo. Iso contades algúns. Nós sentíamonos ben co son que nos chegaba polos monitores. Un saúdo a Óscar, o técnico de son, que fixo ben o seu traballo.

E finalmente, a sorpresa. Os catorce temas de Haberá Primavera tiveron un irmán recén nacido: “Chove miúdo en Elsinor”, o tema interpretado como “bis” e que foi unha estrea cuase prematura. Non foi prematura porque a solvencia, a mestría e o xenio artístico de Afonso e Roberto fixéronme posíbel levar ao directo esta nova canción sobre texto de Cunqueiro, en volandas das musas ao teatro, composta o día antes. Se despois deste acto se quixese gravar unha frase perdurábel, coa humildade toda que nos marca o camiño, esta podería ser: “Choran os campos no Ágora da Agra / como chove miudiño en Elsinor”.

Elsinor. O blues do vento.

Esta entrada foi publicada en Afonso Morán, Cartaces, Concertos, Cultura, Cunqueiro, Haberá Primavera, Presentación, Radio, Recital, Roberto Somoza, Sen categorizar, Vídeo. Garda a ligazón permanente.